Thursday 02 de May de 2024

O alcalde reuniuse co presidente da Xunta para abordar as necesidades de Riveira


A EDUSI e a nova lonxa, entre os temas tratados na entrevista

O alcalde de Riveira, Manuel Ruiz Rivas, mantivo en Santiago de Compostela unha reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na que explicou ao máximo mandatario autonómico os temas que máis preocupan ao municipio na actualidade e aqueles que son clave para o seu crecemento futuro.

Neste senso, Ruiz Rivas destacou en primeiro lugar a Estratexia do Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado (EDUSI): un ambicioso proxecto co que o Concello se postulou recentemente aos fondos Feder convocados polo Goberno do Estado, co que se pretende dar resposta na presente lexislatura ás principais carencias existentes en materias como accesibilidade (incluíndo unha nota terminal de autobuses), necesidades de espazos públicos e culturais ou retos tecnolóxicos.

O presidente da Xunta loou o acertado da diagnose efectuada en relación ás debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades do municipio, así como as solucións plantexadas na citada EDUSI.

O alcalde deu conta tamén doutros asuntos prioritarios para Riveira. Entre os mesmos, a desafectación da fachada marítima da cidade, a ampliación da zona de atraque de mercantes no porto comercial e a situación do plan MOVE e a circunvalación.

Un asunto que tamén ocupou parte da entrevista foi a apertura da nova lonxa. A este respecto, Núñez Feijóo manifestou ao rexedor local que os informes para poder proceder á recepción definitiva da obra son favorables, co cal esta se formalizará de maneira inmediata e, unha vez asinada, se comunicará aos usuarios dos departamentos a autorización para poder comezar a utilizar a instalación. Do mesmo xeito, estanse a ultimar tamén os pormenores do estudo económico necesario para proceder a un novo concurso público no que o canon estea adaptado e axustado á realidade do servizo.

Outros temas postos enriba da mesa -e que son de especial interese para colectivos e axentes que operan no noso concello- foron a posibilidade de ampliar a oferta de ciclos formativos no Centro Integrado de Formación Profesional de Coroso coa incorporación das especialidades de Turismo e de Panadería, Repostería e Confitería; o incremento dos xulgados en Riveira ou a posibilidade de implantar un punto de encontro familiar.